Diplomada en Maxisterio e Licenciada en Humanidades pola USC. Cursou o “Postgrado de Estudos Teatrais e Audiovisuais” e obtén o Diploma de Estudos Avanzados de “Teatro Expresión corporal e Sociedade” na Universidade de A Coruña.

Actriz cun amplo currículum teatral, leva máis de 20 anos de carreira profesional sobre as táboas, traballando para algunhas das compañías máis representativas da escena galega así como para O Centro Dramático Galego. No 2008 foi galardoada co premio á mellor actriz, polo espectáculo “Extrarradios”, no Festival Galego de Teatro FETEGA.

No 2016 funda a compañía Pérez&Fernández, onde desenvolve labores de adaptación, dramaturxia, dirección e interpretación. O seu último proxecto escénico “Os nenos da Varíola” ven de recibir no ano 2021 os Premios Luisa Villalta pola igualdade e o María Casares ao mellor espectáculo para público familiar.

Colabora en proxectos relacionados ca locución e o dobraxe como as dramatizacións radiofónicas para o programa de divulgación científica da Radio Galega “Efervesciencia”. Ficcións sonoras en formato podcast como “Matadoiro” ou lecturas dramatizadas da fundación SGAE en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Paralelamente á súa actividade como actriz, desenvolve actividades de animación á lectura e narración oral para centros escolares e imparte talleres de teatro para adultos dentro do programa de ocio do Forum Metropolitano de A Coruña.

Comunicadora vencellada a eventos de carácter cultural e público familiar, foi presentadora dos concertos didáticos DO RE BIP no MAC, Museo de Arte Contemporáneo, así como das galas dos Concursos de Relato Curto e os Premios de Teatro Buero Vallejo da Fundación Coca Cola.

Como actriz no audiovisual, tamén traballou en coñecidas produccións para a TVG como O sabor das Margaridas, TAC, Pazo de Familia, Matalobos, Padre Casares, Libro de familia ou A vida por diante. Participou tamén en series de emisión nacional como Hospital Central, Sin tetas no hay paraíso, Toledo ou Fariña.